Sunday 05 de May de 2024

Medio Rural chegou a 40 beneficiarios da comarca do Barbanza con máis de 1,5m€ coas axudas de incorporacións de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións


Ovidio Rodeiro destacou que estas axudas son das máis destacadas da Consellería de Medio Rural e teñen como obxectivo fixar poboación no rural

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro fixo balance das axudas que tivo a comarca do Barbanza a través da orden de apoios aos investimentos nas explotacións agrícolas, de creación de empresas para os agricultores mozos e de pequenas explotacións.

En total, esta comarca recibiu máis de 1,5M€ da Consellería de Medio Rural e chegouse a 40 beneficiarios. Concretamente o plan cunha maior contía foi o de Plan de Mellora que beneficiou a 25 gandeiros e agricultores e contou cunha achega de 1,1M€. Na liña de incorporación de mozos na comarca chegou a 12 beneficiarios cunha axuda de351.000 euros. A esta cifra aclarou Ovidio Rodeiro, hai que engadir as 3 axudas a pequenas explotacións cunha achega de 45.000 euros.

Rodeiro lembrou que está é unha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería de Medio Rural, xa que consegue mellorar a estrutura produtiva das explotacións e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade do rural galego. Ao mesmo tempo, coa liña mozos, búscase un rexuvenecemento da poboación activa rural e o fomento do emprego no agro, con especial consideración cara as mulleres, co fin último de fixar poboación no medio rural.

Entre os gastos subvencionables por esta orde están a compra de nova maquinaria, gastos para a elaboración de proxectos técnicos de construción ou reforma das explotacións, permisos, licencias, plantación e mellora de cultivos, compra de novos terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos. Ademais, nesta orde tamén se apoia economicamente a incorporación de mozos ás actividades agrarias e gandeiras, co fin de fomentar o relevo xeracional nas explotacións.